jueves, 16 de febrero de 2012

A sección sindical da CIG en Alcoa rexeita o preacordo asinado para o ERE por non considerar xustificadas as causas económicas nin produtivas.

A sección sindical da CIG en Alcoa quere manifestar o seu rexeitamento ao preacordo asinado no día de hoxe, xoves 16 de febreiro, para o ERE de suspensión temporal na fábrica da Coruña, ao non recoñecer as causas económicas nin produtivas nas que está baseada o expediente, pis a situación da fábrica non é conxuntural senón provocada.

En canto as causas económicas podemos dicir que en función da información da que dispón esta Sección Sindical despréndese que nos últimos tres anos tanto as instalacións da Coruña como de Avilés teñen un resultado positivo. Como exemplo pódese citar que no ano 2011 a empresa tería rematado cun saldo positivo próximo os 400 millóns de euros ,parte de eles produto de participacións en empresas do grupo e un resultado da explotación das fábricas de case 11 millóns de euros.

Tampouco podemos aceptar como causa válida a previsión de perdas feitas para o ano 2012, por estar calculada cun prezo da cotización do aluminio á baixa /1.975 $/Tm), cando xa no que levamos de ano este valor oscila arredor dos 2.200 $/Tm. Cifra esta que implicaría beneficios se fose usada para calcular esa previsión.

Ademais,as contas que presenta a empresa deste último ano non están consolidadas e non é posible obter estas contas por outras vías, xa que non se atopan no rexistro mercantil.

No referente ás causas produtivas, segundo as propias palabras do presidente la multinacional. Klaus Klienfield, para este ano prevese un incremento da demanda do aluminio  no mundo do 7%. Cómpre lembrar que Alcoa está a construír a maior planta de aluminio do grupo de Arabia Saudita, que se prevé que entre en funcionamento durante o ano 2013.
Tamén é coñecido que Alcoa está a inverter capital para mellorar a produción doutras plantas en diferentes países. Por iso, entendemos que a verdadeira causa deste ERE é a deslocalización da produción cara países con custes enerxéticos e laborais máis baixos.

Como exemplo, hai dous anos a planta da Coruña deixou de producir 20.000 Tm/anuais de alambrón en favor da fábrica de Islandia, o que supuxo a parada definitiva da instalación de laminación de Alcoa Inespal.

Vistas estas circunstancias, a Sección Sindical da CIG en Alcoa non pode admitir este ERE porque suporía aceptar como certas e estar en concordancia coas causas tanto produtivas como económicas alegadas pola empresa, como xa establece o artigo 47 do novo Estatuto dos Traballadores que di textualmente. "Cando o período de consultas finalice con acordo presumírase que concorren as causas xustificativas",polo que de cara a un futuro ERE de extinción non poderemos alegar nada para paralo ,xa que nos mesmos as damos por certas aínda que sabemos que non e así.

Aceptar esta regulación temporal suporía abrir a porta a un futuro ERE de extinción e á desaparición de máis de 500 postos de traballo directos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario